martes, 16 de enero de 2007

LIMIANISMO

Din os vellos, que na noite de San Xoán, se escoitan bater as campas da torre da Cidade asolagada do Bion. E moitos limiaos algunha vez, estivemos alí para dar fe da verdade da historia tantas veces escoitada. Si que soan as campas: Badaladas roncas e longas, que saen da brétema que se pousa sobre a terra escura e húmida.

Na quietude da noite, neste fermoso xardín da Antela, entre xáceas e nomos, as campas nos levan o peirao do tempo, onde nos agardan con calma os devanceiros. Os heroes de outro tempo, forxadores de lendas, artífices anónimos do derradeiro periplo que converte a limia no noso fogar.

O mesmo que eles, nos, seremos tamén devanceiros, portadores de soños na brétema da noite. Na escura noite das augas máis brillantes e doces do Limaia, onde a fantasía e a festa arden en coitadas tolerías nas pousadas augas da memoria.

Lembranzas doutra hora agardan nestas chairas silenciosas agochadas entre as tebras do lume máxico e as múxicas do ar que levan a maxia a través da historia.

As veces, esta campa chamase ESQUECEMENTO, esa palabra enxebre e longa que para os limiaos quer dicir lembranza. A festa da memoria, a maquina do tempo que funciona con auga do río da vida, ese brebaxe antergo e máxico.

O Esquecemento é a cerimonia da historia inesquecible, a antítese do tempo, que como un berro fondo, como un aturuxo sobranceiro, resoa nas chairas e os outeiros, dende Ambía ata Porqueira, dende o Viso ata Viana, por toda esta Galicia feiticeira, fisterra do mundo nai e patria!.


Carlos Gómez

No hay comentarios: