sábado, 2 de diciembre de 2006

Lembranzas do Nadal de Xinzo de Limia



Fai uns días atopeime, por casualidade, unha axenda que a modo de diario levaba eu cando era cativo. Abrila polas paxinas do nadal supuxo dar marcha atrás o tempo.
Nunca fun amigo de reler o que escribín na miña mocidade, pero a coincidencia das datas espertou a curiosidade e rachei a promesa secreta que me tiña feito de non remexer no pasado.
Empecei a ler, e de súpeto vinme transportado ós anos da miña infancia. Supoño que semellante a de calquera rapaz, hoxe home, que supera a media da idade que seremos quen de vivir si Deus, a ciencia ou a xenética nos conceden tal privilexio.
Moi distinta a infancia que disfrutan os cativos do ano 2000. ¡Tan pouco tempo e tanta diferencia...!
Na miña axenda, esmagada polo peso do tempo, e deformada polo esquecemento entre as moitas lerias que atesouro no caixón desastre das miñas lembranzas, atopeime co sorriso e coa palabra agarimosa do meu pai, que nestas datas andara –xunto con tódolos que foron parte diste pobo- mesturado entre o brillo das estrelas de purpurina, ou na xeada que arrinca o vento dos tellados.
Atopeime tamén cos amigos dos xogos inxenuos, dos xoguetes feitos a man coas polas dos carballos, cos bugallos arrincados a lombos do mais alto. Coa pelota de coiro que enchiamos e cosiamos unha e mil veces; e cos contos dos vellos que escoitabamos quedos e tremesiños a carón dun lume de muxicas.
O nadal era frio, e quentabamos os pes nun braseiro que cheiraba a outono, feito no patio da casa da aboa, valeira agora. As mans aquecíamolas meténdoas agochados, por tras dos xeonllos – iso aínda non cambiou- e entre risas e xogos rascabamos os picorentos sabaños que nos arrincaban por veces as ganas irrefreables de botar carreiras cara a ningures.
Na miña axenda escribín que non quería medrar, que desexaba que o tempo se estivera quieto para sempre, que o –meu- mundo non cambiara nunca, e con el tampouco mudara a felicidade que sentía, na quietude da aquel pobo que se extremecia, de porta a porta, co paso de algún camión senlleiro que rachaba o silencio das noites invernais.
Era nadal, coma hoxe, ó espertar o día espertaban tamén os sons da radio da galería, que animaban a mañá mesturándose co chirlo dos xarotos que se agochaban entre as tellas repletas de carambelo de xeo.
Leo, e lembro que aquel ano facía o Señor Cura un Belén vivinte, e na casa se aprestaban a facernos unha albarda e unhas pelicas para ir, o meu irmán e máis eu, de pastoriños. Alí, no adro da Igrexa valla era noite pecha e fría, a luz de unha restra de alamparas que case non alumeaban, nos xuntaba cos outros cativos que iamos participar na representación, -sempre tiven envexa dos que traían da casa un año as costas, eran os afortunados e auténticos pastoriños-. No adro estaba todo o pobo, entre pallas e chozas e lumes feitas polos maiores, cantabamos e adorabamos o neno que representaba o Neno Deus agochado entre os ollos agarimosos de María e o longo caxato de Xosé
Sentiámonos coma verdadeiros anxos animados polos comentarios da xente e polos consellos do señor Abade.
A Noiteboa, íase achegando... entre as xallas da mai, entre os pucheiros fumeantes, entre as fontes das intocables lambiscadas... e remataba despois dos prostres das cancións das risas, e do sono.
Daquela aínda non se inventara para nos o Papa Nöel ni a televisión, así que a Noiteboa era lenta e chea de conversas e de ledicia, e de máis sono... Logo, no colo dos que máis nos querían, viaxabamos ata a cama, mentres un traxin de misa do galo, -que entón non sabia o que quería dicir-, se ía escorrentando escaleiras abaixo.
O tempo non se parou....ou, zecais si?, porque chegado o nadal, miro cara as miñas fillas, e cara a faciana de calquera cativo, que entre debuxos animados, música, videoconsolas e internet, chegan a casa cada noite, cansas de tanto xogo moderno, en percura do agarimo dos seus pais e dos contos de vellos; Agardando ser levadas en brazos de aqueles que máis as queren a un leito cheo de soños, para espertarse, -case sen xarotos e sen carambelo de xeo-, desexando, coma eu o desexaba , que se pare o tempo... neste tempo de nadal.
¡Bo Nadal Xinzo!

Carlos Gómez

No hay comentarios: