martes, 12 de diciembre de 2006

ANTELA

Vou pisando terra escura
terra vella e labradora,
polo Carreiro da Veiga
que cobreguea a Lagoa.


Polo Campo da Chasquiña
a Esturdiñeira e a Corga,
pacendo andan os chirlos,
as lavandeiras e as tordas.
***
Mentres o gando sestea
polas verdes Arrabazas,
-nas Malladas lamedeiras
entre poulas de lampazas-
os labregos, botan trigo
na Seara e nas Tapadas;

Botan o pan que alimenta
tantos séculos de espranza,
e arremánganse lo peito
e secan o suor da cara,
e non choran, se non queren,
porque razóns non lles faltan
para chorar pola Limia:
pola terra e pola auga.

Onde había Fontarigos
deixaron Areeiras bravas.
Onde Mouriscos e Bidos
somentes deixaron Calvas,
unhos cantos Mieirais,
onde non voan as garzas,
e un Cadaval baleiro
para sementar patacas.

Xa non veñen as xarrelas
nin as grúas, nin o albelo,
nin tapan a luz do sol
os ferreiriños no ceo.
Xa non se escoita o brullón
brunindo nos treboedos
Nin ó pato silvador,
nin ó bufo no acibeiro.

Non hai medas no Palenque
nin muxen os bois limiaos
nin liño nos Lagadoiros
nin mallos para mallar.

Xa non camiñan as mozas
a Carreira do Amieirón.
Nin van namorar os mozos
agochados no bión.
Porque non teñen cantigas
nin gaitas, nin alalás
nin tamboriles de freixo,
nin gaiteiro en Baronzás

Deixou de zoar o vento
na Touza da Carrasqueira
por esta terra Limia
asolagada e valeira.

A memoria se esparexe
coma unha mancha de graxa
mentres pola Ría Vella
navega unha dorna mansa.

En homenaxe os que colaboraron no libro
Antela: A memoria Asolagada.
Particularmente a Soedade
do Muíño e Constantino Pazos,
polo fermoso traballo de documentación
e inventariado dos chamadoiros da lagoa contido neste libro.



Carlos Gomez

No hay comentarios: